Nacín. Crieime entre Terras de Iria e Ourense. Pasei a xuventude en Compostela, onde me licenciei en Medicina no ano dous mil. Dende entón malvivo desta profesión, adicado á cirurxía do tórax na industriosa cidade de Vigo por termo de dez anos e agora en Compostela.
Fotografío dende sempre e por pracer. Carezo de formación académica en fotografía. Algunha lectura, ver moitas fotos e disparar sen piedade. O laboratorio aprendino por eses "cuartos escuros" do mundo ata que puiden mercar a miña Durst de condensador e un obxectivo Schneider.
Gozo do dixital e practícoo a diario pero, nos tempos que corren, revisitar os negativos e diluir os líquidos nunca deixará de ser unha doce tortura só comparable a durmir ó raso nunha noite de verán cos petos cheos de rolos de película... ou empaparse cos salseiros do nordés dun solpor outonizo.